Saturday 04 de May de 2024

Inés Rey comparte coa directiva do Deportivo os retos do club nesta nova etapa


A alcaldesa amosoulle ao novo consello de administración a plena vontade de colaboración do Concello a prol da cidade e do deportivismo

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, recibiu en María Pita a visita institucional do novo consello de administración do Real Club Deportivo. A rexedora, que estivo acompañada polo concelleiro da área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro e polo concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, recibiu o novo consello de administración do Deportivo, ao seu presidente, Álvaro García Diéguez e aos conselleiros Álex Bergantiños, Carlos Ballesta, Michelle Clemente, Vicente Fernández e David Villasuso.

A directiva do Deportivo deu conta á rexedora dos retos que afrontan nesta nova etapa e da liña de acción que seguirán a partir desta tempada. Inés Rey, pola súa banda, puxo de manifesto a plena vontade do Concello de colaborar nas diferentes accións que se formulen entre ambas as institucións “a prol da cidade e do deportivismo”.

A alcaldesa abordou tamén cos directivos do club os detalles do Trofeo Teresa Herrera 2023, no que se lle renderá homenaxe a Álex Bergantiños tras a súa retirada, e as lendas branquiazuis Bebeto e Mauro Silva. O trofeo terá lugar o vindeiro 5 de agosto en Riazor e enfrontará ao Deportivo ABANCA contra o Deportivo Alavés e ao Deportivo fronte ao Bragantino. “A nosa ilusión como organizadores deste torneo é que o Teresa Herrera sexa unha gran festa do deportivismo e estou convencida de que este ano será moi especial”, sinalou Rey.